Tempomorto
























Este sería o máis nidio exemplo dun deseño que non serve para nada. Inservible. Cero. Non sei de qué podería funcionar nin por qué. Non é un logo nin unha evocación das cores do Celta, que nesta tempada tira, ademais do obrigatorio celeste, dun vermello tamén celeste, osixenado, e do negro. Tampouco é un xeito de mortificarse, só un pasatempo.

Un guiri-kandinsky na súa propia terra, no seu mar, quero reducir o mar, calibralo, metelo no peto estúpido do meu cerebro. Por eso non ten profundidade, area de Samil. Pero ascenderemos tranquilamente, por riba do Depor.
_

Tódalas persoas do queixo




Este cartaz é unha homenaxe ao agro galego, intemporal pucha de soños duros. O fondo imita a cor e a textura do papel de estraza dos sacos de penso, de salvado e tercerilla, cos que se completa a alimentación do gando; cortado en anacos sempre se aproveitou para facer contas ou anotacións. O queixo con atributos humanos, tan humanos como as liñas de Modigliani nas que se inspira, quere lembrar que é un produto realizado por persoas con nome e apelidos, que hai detrás un traballo artesán, non sempre grato ou levadeiro ou ben pagado.

O verde representa a terra. O vermello, as vacas. O amarelo, finalmente, o queixo.

O conxunto remite á vida do campo evitando caer en tópicos, cun punto teatral que nos convida a pensar e, por suposto, a gozar da festa da xente de Arzúa e os amantes do queixo, ou eso pensaba ben trabucado cando o estaba a facer.
_

Kafka no dentista





























O debuxo que se perde dentro, O pensador, é de Kafka. Ten outros, noutro plan, que define como as marionetas negras de fíos invisibles. Sinalética. Poderíase partir dun para elaborar o conxunto de sinais que guien ás persoas nesos lugares que aventuran “dilemas de comportamento”, que así o explican nas escolas de deseño: un centro comercial, un hospital, unha clínica dental, o psicólogo, algo, vostede qué ten, non sei, pero algo teño, agarde aí.

Desvanecín o debuxo, logo de calcalo, e o texto, nada máis. Sería o lóxico o nome do centro en pequeno e a sala de espera en grande; a personaxe está en todos os lados. Marco “e malia a mellor das vontades... será a pluma quen, na miña man, siga polo mal camiño”.
_

A folla de carballo mínima


















Porque é unha folla de carballo, non é de sequoia nin de cocoteiro nin de eucalipto. Vivimos tempos nos que hai que suliñar certas diferencias, antes de que esas diferencias se perdan e nos perdamos todos con elas. Venden unha ecuación local/global incorrecta. É un logotipo que o cliente quería poder bordar, de aí a sinxeleza. Silueta e nervios, non sei se conseguidos. Minimalismos os xustos. Minimalismo co minimalismo.

A cor está inspirada (que sempre queda ben dicilo) nunha folla seca. A letra é unha Meath Gothic, que coñece moi ben don Xerar Ilusión porque adoitan usala celtarras e outras xentes de malvivir, esa faísca do extrarradio e unha adega.
_

A roda da fortuna está trucada





























Alguén aproveitou a miña frenética actividade como deseñador de cartaces para perdedores. Encargoume este, para unhas clases de punto. Esta vez o de perder tíñao difícil, porque era un encargo da familia, e así recibín como premio un bico na meixela e un “es o mellor” que soou máis falso que Hitler cando dicía que non era racista. Non lembro se me revolveu o pelo cunha man que se alonxaba.

A árbore que multipliquei de fondo e máis a Inkburrow son da imaxe de marca da familia, que non sei quén a faría. Ao outro os franceses chámanlle coquille, e nós seica tamén. Está silueteada a correr e a sombra é torpe.
_