Redescubrindo os diarios de Kafka

Salvador Pániker prescribe levar un diario, como ferramenta de (auto)coñecemento e poña vostede orde na súa cabeza. Cando o descubrín en casa de C. case me convence. Cando lin un segundo volume comecei a toparlle as trampas. Non hai trampas nos diarios de Kafka, ou mellor, ao revés, deben ser os diarios coñecidos con máis trampas da humanidade, pero non para gañarse o favor de ninguén, apenas unha loita xorda, segura, intermitente e culpable. Non lle falta razón a Ferlosio cando afirma que despois del é todo unha trapallada pretenciosa mal disimulada.

Escribirá Ferlosio un diario? Dubídoo moito (inda que sería divertido).

A min que me rexistren. Procurar un pouco de orde aquí enriba está ben, si, e non é o diario quen cha proporciona como a aspirina che quita unha dor nos anuncios. A lo menos a min non me funcionan, nin os diarios nin as aspirinas.

Sen lívidas saias nin esputos de sangue.

Kafka escribiu o que a educación e o corpo lle permitiron, e aí polo medio, ao abeiro dunha anemia, lume constantemente novo, e tan detido, e o amigo entendeuno ao desobedecer e non lle queimar os manuscritos.
_