As frases do luns de Diego Areso

Velaquí seu blogue, quintatinta, no que salienta frases que lle chaman a atención, non necesariamente de deseñadores mais sempre enfocadas ao deseño. Gástase un envexábel arsenal tipográfico.
























Esta frase de Mike Monteiro está moi ben, mola, colega, e coido que todos nos identificamos con ela, perdón, todos os que traballan nunha axencia cool do cool Nova York se identifican con ela. Aquí en provincias contentámonos con expectativas menores. Así algúns nunca nos comeremos nada, claro, de pertinentes inapetentes.
_

Exoesqueleto























_

Franquía da NBA























Ou colacao de plástico para os campeóns, toma moito, meu fillo, a ver se nos sacas de pobres cando pases dos dous metros. O neno desconfía da marca, nin é a que tomaba antes nin aparece un león ou un oso, algún animal que infunda respecto.

- Mamá, por que non trae un animal importante que morda na etiqueta, inda que sexa un raposo?

- Porque é marca branca -respóndelle o pai-, máis barata; non podían ghastar en bichos.

- Pois semella unha nave espacial.

- O importante é o que trae dentro, veña, acaba de almorzar se queres que te deixe teu pai no cole.

Non o saben: é a marca mala adhesiva que consumían Michael Jordan, Magic Johnson e outras estrelas do baloncesto norteamericano. Colecciona os cromos.
_

O deportivo espírito de superación




















Seguimos meténdonos en política, non aprendemos. Os nosos dirixentes inauguran o pavillón municipal de Baiona e, na súa teima co bilingüismo harmónico, superándose, como nun anuncio de Nike, aproban esta esperpéntica (xa o dixeron os de ProLingua) solución gráfica. Inpóñennos o autoodio facendo o ridículo. Agardamos que o “cráneo previlegiado” ao que se lle ocorreu semellante atentado aos máis elementais principios do uso tipográfico fique no anonimato, para aforrarse o lume da vergoña.

Tamén se comeron o acento, tanto en galego como en castelán vai acentuado, non fai falla ler a Marcel Proust na intimidade para sabelo, abonda co graduado escolar. Non veña agora un deseñador, que algún inda hai, a dicir que as maiúsculas non se acentúan porque quedan mal.
_

Estrelas do alboio



Pregúntome se alguén emprega inda o adxectivo supino.

Isto é supino, o que escoita un creativo, oh que fashion un-cre-a-ti-vo, cando as musas do contrato o axexan corre máis que Usain Bolt. Preguntas a estas alturas? Emboscadas de Napoleón vestido de Zara na túa cabeza? Javier Aramburu deseñaba contracapas como esta, despois mandounos a todos á merda e adicouse ao que lle gustaba que era o surf. Ou esa é a miña lectura.
_

Un produto do mar
























Esta é unha tarde coa familia na praia ou no monte. A señora pousa a cesta de vergas e estende o mantel de cadros brancos e vermellos. Sentan arredor os fillos e máis o home. O sol está perfecto. Ao fondo, un pouco á esquerda, óllase a un pescador sentado. A señora saca da cesta unha fogaza de pan rústico, un bote de marmelada, cubertos e pratos. Só hai que abrir o bote, xa está: é o que di a etiqueta, e sen trampa, sen enganar ao consumidor.

- Non acabo de velo… e o nome… para unha marmelada… alcatrán é o que estou pensando que é?

- Un nome inolvidable, xefe, fágame caso.

Os nenos comen alegremente. A señora colle o xornal que sobresae da cesta, este mes, no Merdacona, lévese dous botes de marmelada ecolóxica Alcatrán pagando a segunda unidade a metade de prezo. A señora olla o seu bote e sorrí.
_

O extremo centro (anacronismo)





























Apréndese cos anos a non loitar contra a intuición (se non se fai demasiado tarde), e a miña intuición é o que me berra, un disparo limpo, unha sociedade con algo menos de ruído. Non é que o razoamento non valga para o PSOE, é o PSOE quen nos deu a medida. Ao PP enténdese, defende os seus intereses de clase, mais non aos socialistas dende que Felipe González tirou o crucifixo de Marx pola fiestra, por dicilo como Umbral. E agora súmalles este esperpento (lembren a visita coa que nos honrou, para dicirnos como debiamos educar aos nosos fillos).

Aproveito aquel slogan do PP co que pretendían borrar a súa imaxe reaccionaria, “centrados en ti”, disputando o centro, agora que a UPyD lle chaman de extremo centro. Non debería meterme en política, xa sei, os deseñadores ou son apolíticos ou manteñen unha postura reservada.
_

raspasnegras























Hai que sinalizar os costumes. Estradas de camioneiros nas que se suceden churrasquerías e bordeis (pasamos de tanta carne e reparamos en peixe pequeno). Patrimonio inmaterial da humanidade. Esta non é unha versión australiana, senón napolitana. Spaguettis alla puttanesca; aceite, allo, cebola, guindilla, anchoas, olivas, e habendo, tomate e alcaparras. Coróase con pirixel ou alfavaca. A súa orixe ofrece literatura a escoller, negra flor:

- Comida alta en calorías para estar na rúa agardando clientes, aí na Idade Media.
- Prato recorrente entre putas, ao pagarlle os mariñeiros os seus servizos con anchoas.
- Cociña rápida entre cliente e cliente.
- Anchoas, o único que pillaban as putas no mercado ao traballar de noite e chegar tarde.
- Un pouco máis forte: o cheiro das anchoas lembra ao dos coños.

E unha de peso: logo da Segunda Guerra Mundial, xa falamos de marketing, nas casas de xantar con habitacións, trocan o nome orixinal do prato, alla marinara, polo que en diante será alla puttanesca, de maior reclamo para os mariñeiros.
_

Arquivo do blogue