Doutra época, a miña

Sen ánimo de equipararme, claro; eu só podo soñar o que el viviu con firmeza. Non estamos aquí para gañar puntos. Perdón, mellor si, estamos para gañar puntos. Estamos ben aquí.



_

Días de 1972



_

Carta aberta a Robe Iniesta

Ai ai, Robe Iniesta, a que lle fixeron a vostede. O dos cartos será unha putada, pero a repercusión na súa imaxe é máis perigosa. Gardan silencio ao seu redor como nos gabinetes de crise das películas e os gobernos? Convertírase vostede nun ídolo, un mesías, un gurú, para moitos. Tempo tivo para aclararse co asunto (como un Evaristo, poñamos).

Aquí non impartimos, ou iso agardamos, lección algunha de conduta, cada un é libre de faser neghosios con quen lle pete e a quen non lle ghuste ou se sinta decepcionado, que se foda. Preferimos evitar as adhesións relixiosas, e convertírase vostede nun mesías defectuoso: a quen escribe gustábanlle os seus discos, sen chegar nunca a entrar en transo, que se lle vai faser, e conforme pasaban os anos ía cheirándolle máis a (auto)promoción da “autenticidade”.

Debe ser pola miña timidez que a xente “auténtica” sempre me caeu mal; pode estar tranquilo, non son eu quen de xulgalo de ningún xeito. E moitos dos que o idolatran, por idolatralo, desculparano. Non será grave o dano, en cifras.

Defender dereitos de autor, un modelo de negocio, claro que si. Deter un concerto porque catro rapaces o están escoitando sen pagar entrada ao outro lado dos valos? A razón non era mala, pero non todo é razón nesta vida; debería sabelo vostede que tanto lle cantou aos seus contrarios.

É o que ten botarlle unha ollada á prensa, entéraste ata do que non queres. Cando saque disco de duetos con Loquillo e Ramoncín e Víctor e Ana, a ver se teño sorte e non me entero. Un que é moi revirado, non faga caso e a vivir. Ou demándeme por inxurias.

Se a un Antonio Vega un goberno lle solta unha medalla e 90.000 euros, gústame pensar que sairía correndo, ben barbeado, a pillalos, e non enganaría a ninguén nin se enganaría a si mesmo (e xa perdería a medalla ao pouco de saír do nobre recinto).

Si, pódese concluír que un Antonio Vega só pensaba na pasta, mentres que vostede, espírito elevado, pensa na arte e a súa transcendencia.

Siga impartindo leccións, mestre.

Atentamente, un herético verme.
_

Folla de reclamasións

Por que non dixeches
ti que todo o dis
                               que palmabas
contrataría ao fogheteiro en tempada alta
e cóbrame o que hai na barra.
_

O peixe está vendido 2.0

Pantalán é unha pasarela con mar negro
para sílfides fabricadas
                                            en Zara
libros de autoaxuda
pastis polo legal
dromedarios e metralla
os teléfonos conducen medusas
                                                            de moedas
como un carro de crisantemos de estafa.
_