Por que non me matas?





























Hoxe tócame a min preguntar por que. Presentei este e máis outro traballo a concurso e non me levei nin un diploma para a parede branca e cotrosa, co esmerado coleccionista de diplomas que eu son. O outro non o colgo por non pasar o traballo que pasei con este disimulando un pouco o torneo para o que era; non vaia ser que teña máis éxito que o gañador e olle pola fiestra como se achega un avogado, esas quenllas que por aleta dorsal gastan maletín.

A lo menos tres por diante. Qué fixen mal, ou qué fixeron eles mellor. Non me dá chegado o día de ollar o cartaz gañador, para pensar que o xurado usou como criterio unha vergoñosa falta de criterio, ou que houbo tongo, claro, escusas, I’m a loser, baby, cantaba Beck.
_

O café xaponés que non
























Hai axencias de publicidade que cambian cada pouco tempo a imaxe corporativa dalgúns clientes, quedando moi mal; non é rendible nin para a axencia nin para o cliente; demostra que a imaxe non está conseguida, que as dúas partes non se entenden (non vaian pensar que é sempre culpa do inútil do deseñador); e o consumidor non se fideliza. Logo está o envelenado asunto de estar á última; para eso hai que andar moi fino, porque do que se trata é de facer algo que perdure, un pouco a lo menos, exposto só a pequenas modificacións para ir mellorándoo e actualizándoo. Agás que ao cliente, sobrado, non lle importe tirar os cartos (benvido sexa!).

Solto este rollo para explicar porqué repito un deseño, é dicir, para desmarcarme. Non procuro dar continuidade a unha imaxe corporativa, para o cal non debera tocar, para comenzar, nin tipografía nin cores. É un traballo que me obsesiona, podo enredar con el durante anos. Esta é a versión “descargada”, máis axeitada para o que se leva hoxe (sen contar os anuncios de fútbol). Vai outra diferente en camiño.
_

Un hotel de medo














Que non se diga que nunca usei unha Rosewood. Son un deseñador moderno, logo uso a Rosewood. Xa o dixo René Descartes no seu día, e todos a comulgar, moi cool todos. O deseño ao servizo da publicidade susténtase nun paradoxo: debe ofrecer un produto rabiosamente persoal, que faga sentirse único ao consumidor, co que se identifique un target o máis amplo posible (algúns clientes confórmanse co mercado chinés).

O hotel, casa rural ou puticlub, como queiran, non esconde máis historia; un establecemento acolledor onde pasar unha noite de película acreditable coa súa correspondente tarxeta de visita. Ten algo de Joan Miró e Radiohead (porque eu o valgo).
_

O enfoque de Nagiko


Unha noite ollei “The Pillow Book” e quería renderlle homenaxe. Non coñezo a Peter Greenaway, e de coñecelo, fixo que me caería mal. Ten películas insoportables, pero esta está guapa. Guapísima. O brazo pertence á protagonista e narradora: Nagiko. Non lles vou contar de qué vai; Sei Shonagon escribe alá polo ano mil, na corte da emperatriz Sadako, en Kyoto:

“Dúas cousas non nos faltarán: as delicias da carne e as delicias da literatura”.

O calendario é un pretexto, repito, para homenaxeala. Homenaxeala a ela. Shunga. Caligrafía. Impudor sobre os temas universais e nada que engadirlle. Estamos no 2011, a quén lle importa o ouro do tempo.
_

A volta ao día en oitenta mundos

















Este título de Cortázar é perfecto. Unha empresa de mensaxería ou transporte urxente que opera nun tempo surrealista e romántico, enganoso, ou sen tempo, sen espacio-tempo, paquetes espontáneos, a modo, en barco, con abordaxes e extravíos e cambios de mans, Jean-François Pilâtre de Rozier, 1783. Imaxe que require a participación do consumidor. Pode funcionar e pode ser despreciada polo cliente.

A idea inicial estaba cargada de cores, tipos e efectos. O globo sería un mapamundi. Tres meses despois fica o esqueleto, unha University Roman pola que pasa todo o ar, tamén o gas. Buscamos, ea, un elegante minimalismo.
_