Quéreselle igual a tódolos clientes
























O viño que o ano que ven embruxará a Robert M. Parker ata o extremo de considerar deixalo; de 90 puntos non baixa. Sen tráfico de influencias, sen untar a ninguén e, o máis importante, sen parkerizar o viño, que agora é costume entre empresarios e enólogos: axustar o traballo aos gustos do gurú para abrir negocio. O enólogo mediático é o avó, que non hai quen o baixe do tractor, coa súa viseira de Bayer, xofre na roupa, xofre na boca, sen asomo de mildeu nos miolos, ou eso di el cando se farta de escoitar parvadas e arranca para o galpón.

Non é un eloxio finxido da pobreza e dureza do campo. Contratáronme para que lles deseñara a etiqueta das botellas e aplico o que me ensinaron os xefes; tódolos clientes son iguais, dá igual Vega Sicilia ou o alquimista que obtén veleno do caíño: aos dous se lles cobrará ben.
_

Tempomorto
























Este sería o máis nidio exemplo dun deseño que non serve para nada. Inservible. Cero. Non sei de qué podería funcionar nin por qué. Non é un logo nin unha evocación das cores do Celta, que nesta tempada tira, ademais do obrigatorio celeste, dun vermello tamén celeste, osixenado, e do negro. Tampouco é un xeito de mortificarse, só un pasatempo.

Un guiri-kandinsky na súa propia terra, no seu mar, quero reducir o mar, calibralo, metelo no peto estúpido do meu cerebro. Por eso non ten profundidade, area de Samil. Pero ascenderemos tranquilamente, por riba do Depor.
_

Tódalas persoas do queixo




Este cartaz é unha homenaxe ao agro galego, intemporal pucha de soños duros. O fondo imita a cor e a textura do papel de estraza dos sacos de penso, de salvado e tercerilla, cos que se completa a alimentación do gando; cortado en anacos sempre se aproveitou para facer contas ou anotacións. O queixo con atributos humanos, tan humanos como as liñas de Modigliani nas que se inspira, quere lembrar que é un produto realizado por persoas con nome e apelidos, que hai detrás un traballo artesán, non sempre grato ou levadeiro ou ben pagado.

O verde representa a terra. O vermello, as vacas. O amarelo, finalmente, o queixo.

O conxunto remite á vida do campo evitando caer en tópicos, cun punto teatral que nos convida a pensar e, por suposto, a gozar da festa da xente de Arzúa e os amantes do queixo, ou eso pensaba ben trabucado cando o estaba a facer.
_

Kafka no dentista





























O debuxo que se perde dentro, O pensador, é de Kafka. Ten outros, noutro plan, que define como as marionetas negras de fíos invisibles. Sinalética. Poderíase partir dun para elaborar o conxunto de sinais que guien ás persoas nesos lugares que aventuran “dilemas de comportamento”, que así o explican nas escolas de deseño: un centro comercial, un hospital, unha clínica dental, o psicólogo, algo, vostede qué ten, non sei, pero algo teño, agarde aí.

Desvanecín o debuxo, logo de calcalo, e o texto, nada máis. Sería o lóxico o nome do centro en pequeno e a sala de espera en grande; a personaxe está en todos os lados. Marco “e malia a mellor das vontades... será a pluma quen, na miña man, siga polo mal camiño”.
_

A folla de carballo mínima


















Porque é unha folla de carballo, non é de sequoia nin de cocoteiro nin de eucalipto. Vivimos tempos nos que hai que suliñar certas diferencias, antes de que esas diferencias se perdan e nos perdamos todos con elas. Venden unha ecuación local/global incorrecta. É un logotipo que o cliente quería poder bordar, de aí a sinxeleza. Silueta e nervios, non sei se conseguidos. Minimalismos os xustos. Minimalismo co minimalismo.

A cor está inspirada (que sempre queda ben dicilo) nunha folla seca. A letra é unha Meath Gothic, que coñece moi ben don Xerar Ilusión porque adoitan usala celtarras e outras xentes de malvivir, esa faísca do extrarradio e unha adega.
_