Os conceptos arruinan sabor e cor e textura










Os interesados en seguir a este colectivo que entende a axitación social como un sentar arredor dunha caldeirada de raia só teñen que visitar o seu blog e abraiarse cos contidos que nel atoparán. Algúns inclinaranse máis hacia a axitación e outros hacia a caldeirada e outros hacia Portonovo, tanto ten, é como poñerse a discutir sobre a forma e o fondo, co superado que está ese debate. Polo demais, o mesmo que un cociñeiro ten que limitarse a cociñar, un deseñador ten que deseñar e calar, ti cala e fai o teu traballo, ata mo teñen dito a min, co pouco falador que son.

A receita é sinxela, días de raia, días de 1908, os praceres e os días, cocer patacas e cebola e raia con sal e loureiro, rustrir allos en aceite de oliva e engadirlle fóra do lume pementón e remexer, como din os chefs michelín, o importante é o produto, Rías Baixas, Rías Baixas que para os responsables non é un concepto nin un prexuízo, ou si, un prexuízo si, ningún problema.
_

Gatos de porcelana que non gustaron








Ían ser a cabeceira do blog dun colexio, ciclo terribles infantes, e dixeron que non, dixeron que eran estirados, snobs, fríos e malos. Como lles collín agarimo (defectos que ten un) decidín traelos a este limbo civil de deseños sen futuro. Non se merecían o desprecio; era a súa unha maldade de adorno e debuxos animados; Tom e Jerry. É un blog duplo, deslindado: unha parte para os nenos e outra para os profes.

Á gata/mestra púxenlle a camiseta do Portonovo para que quedara claro, que o espacio é pouco e non podo cargalo, e para ir meténdoos sutilmente no vicio. O título non é meu. Non discutades nunca con profesores: tedes que perder.
_

Quéreselle igual a tódolos clientes
























O viño que o ano que ven embruxará a Robert M. Parker ata o extremo de considerar deixalo; de 90 puntos non baixa. Sen tráfico de influencias, sen untar a ninguén e, o máis importante, sen parkerizar o viño, que agora é costume entre empresarios e enólogos: axustar o traballo aos gustos do gurú para abrir negocio. O enólogo mediático é o avó, que non hai quen o baixe do tractor, coa súa viseira de Bayer, xofre na roupa, xofre na boca, sen asomo de mildeu nos miolos, ou eso di el cando se farta de escoitar parvadas e arranca para o galpón.

Non é un eloxio finxido da pobreza e dureza do campo. Contratáronme para que lles deseñara a etiqueta das botellas e aplico o que me ensinaron os xefes; tódolos clientes son iguais, dá igual Vega Sicilia ou o alquimista que obtén veleno do caíño: aos dous se lles cobrará ben.
_

Tempomorto
























Este sería o máis nidio exemplo dun deseño que non serve para nada. Inservible. Cero. Non sei de qué podería funcionar nin por qué. Non é un logo nin unha evocación das cores do Celta, que nesta tempada tira, ademais do obrigatorio celeste, dun vermello tamén celeste, osixenado, e do negro. Tampouco é un xeito de mortificarse, só un pasatempo.

Un guiri-kandinsky na súa propia terra, no seu mar, quero reducir o mar, calibralo, metelo no peto estúpido do meu cerebro. Por eso non ten profundidade, area de Samil. Pero ascenderemos tranquilamente, por riba do Depor.
_

Tódalas persoas do queixo




Este cartaz é unha homenaxe ao agro galego, intemporal pucha de soños duros. O fondo imita a cor e a textura do papel de estraza dos sacos de penso, de salvado e tercerilla, cos que se completa a alimentación do gando; cortado en anacos sempre se aproveitou para facer contas ou anotacións. O queixo con atributos humanos, tan humanos como as liñas de Modigliani nas que se inspira, quere lembrar que é un produto realizado por persoas con nome e apelidos, que hai detrás un traballo artesán, non sempre grato ou levadeiro ou ben pagado.

O verde representa a terra. O vermello, as vacas. O amarelo, finalmente, o queixo.

O conxunto remite á vida do campo evitando caer en tópicos, cun punto teatral que nos convida a pensar e, por suposto, a gozar da festa da xente de Arzúa e os amantes do queixo, ou eso pensaba ben trabucado cando o estaba a facer.
_