Ausencia de Dayna Kurtz
Aproveitando a foto dun tío que se me pilla envíame a catro avogados porque a tiña máis blindada que o congreso, fixen este cartaz sobre unha soñada actuación de Dayna Kurtz. Metinlle gran porque a resolución era deficiente. Como poden comprobar, non é tan difícil, non hai que flipar para algo correcto. A pregunta entón é por que os cartaces dos concertos son en xeral tan malos, e por que cantos máis cartos move o grupo ou artista, empeoran; foto-pose nos Apalaches e dous nomes enormes, patrocinador e máis evento. Dayna Kurtz polo de agora non se deixa abaratar por uns millóns.
Tampouco hai que chorar, porque os deseñadores concienciados existen, profesionais que sacan adiante traballos orixinais e guapos, claro que ao mellor non tan publicitados, un pouco como lle pasa a esta muller, Dayna Kurtz, por quen eu mataría agora mesmo. Escóitena.
_
.
26.10.12
A espeluxada tinta das luras
Tiña un colega que agora adícase á pesca, non á pesca deportiva, á de supervivencia. Logo de perder o traballo e entregar currículos sinceros, engordados e enmagrecidos, decidiu refrescar os coñecementos do avó e botarse ao mar. Como furtivo (non sería eu quen lle dixera que non). Ao ser persoa que non se conforma cunha soa iniciativa, ocorréuselle montar unha academia de pesca na garaxe, con obradoiros especializados en distintas artes. A súa muller di que toleou, que non é nin serio nin realista nin legal pero que se lle vai facer, os nenos, el polo menos loita, gasta orgullo, eu non sei porque xa non é colega, cando lle amosei este cartaz que me encargou chamoume de todo, suponse que tes que poñer algo de reclamo, non algo repelente... morriñento... parace cheo de merda e todo mal colocado. O de Agardando por Godot é unha licenza posterior a.
Pensei nos anuncios de Coca-Cola e os traballos de David Hockney, abofé, antes e despois, con todo, presenteillo tal como me saiu; onde o conformismo e onde a convicción? Perdín un colega e 50 euros, a tinta do tempo. Na escola ensinan que épocas tétricas traen obras “positivas” e ao revés e coido que non me saín da norma, se el non o entende así terá que buscarse a un profesional que lle ofreza o que busca. É o perigo de traballar para colegas.
_
.
4.10.12
O ano que se enganchou ao de Castelao
Esto nin sequera é unha homenaxe rápida a Avelino Pousa Antelo. Tampouco é que o deseñador se aburra. É un non-obituario no que se lle pon data ao nacemento do galeguista, 10 de maio de 1931, cando escoitou, no Teatro Principal de Santiago, un mitin no que participaba xente que se gastaba nomes como Vilar Ponte, Valentín Paz Andrade e Castelao. Xerme do Estatuto de Autonomía máis avanzado que coñecemos, sen mitificación, historia que se vai divulgando malia os profesionais do autoodio.
O Lucho do Peto, intelixencia, traballo, compromiso, valores, si, vai sen data de pasamento porque ao galeguismo que el encarnaba, fuxindo con humor da solemnidade, non se lle vai pór sinistra data. Imposible, proben vostedes se queren, se lles sae.
_
.
21.8.12
Eloxio importante do vendedor de enciclopedias
Facer a imaxe corporativa dunha empresa importante, Coca-Cola, BP, Windows, Inditex, Xunta de Galicia, algo así, estaría ben, sairía en portais como Brandemia, branco dos en ocasións numerosos comentarios, críticas soltas como anoitecidas frechas de deseñador que non se pode expresar no seu traballo. Brandemia, por certo, antes Pienso Logo Existo, que sería menos forzado en galego, soa a epidemia de marcas. Mais non se crean, a empresa para a que traballei, MaOs, tamén é importante, pode que poucos a coñezan porque inda está nacendo (e xa funcionando); non se debe confundir importante con vello.
Saberán dela non teñan présa (se non é así parte da culpa será miña), comprenderán o preciso engraecer, a engrenaxe que os catapultará á liberdade non baleira dos seus servizos, xa postos nunha linguaxe de vendedor de enciclopedias. Todo comezou nun campo de millo incendiado, prateada vela, lúa de cortiza, silencio protexido, non, nada espectacular, o Ibex para o Ibex.
_
.
26.7.12
Subscrever:
Mensagens (Atom)
Miguel
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 3.0 España de Creative Commons.




