Promoción desenmascarada
Para que carallo quero un book ríxido, pretencioso, ridículo? Non, mellor comezar así: para que quero un book (pronúnciese como un lento salto interesante) fóra das obrigas do mercado laboral? Para poder dicir que teño un book, queres ollalo?, téñoo aquí, casualmente.
_
.
29.10.13
Atlántico
Esta e outras afirmacións de interese na entrevista que lle fixeron os de Praza Pública a Pancho Lapeña, o que antes considerábase un artista multidisciplinar. Na introdución da propia entrevista xa poñen a listaxe de todo ao que lle pega (con formación e xeito, non teñen máis que seguir as ligazóns). Referencia directa, mais non simplista (dentro do que dá de si unha pequena entrevista), a un problema de país. O deseño gráfico (insistamos no de comercial) ven sendo un pasatempo, algo que pode facer perfectamente o fillo do xefe.
Primeiro chamounos a frase, logo, coa lectura, suficiente, recoñecemos a un creativo que non é fillo alucinado de Adobe, olla, olla o que me fai Photoshop se lle dou aquí. Pode gustar ou non; o tío está esperto e co país (sen caer no que critica) e iso xa é de valorar. Non todo vai ser queimarse coa xente.
_
.
21.10.13
Feijóo lerá un pregón
Escribireite unha canción, Rafael. Unha a ti e outra a ese señor importante e serio e emotivo que está na Xunta. Sodes os mellores. Mais, di, recoñece: ti es mellor ca el, listo que non se confunde en Madrid. Desculpa esta linguaxe angular, é que estou escoitando o novo disco dos Pixies, un EP que non lles facía ningunha falla estaban ben como estaban, algo que a ti non ten que preocuparte porque vou escribirte unha canción e logo voucha cantar debaixo do teu balcón cos meus mariachis. Patrocinio FAES.
Escribireite unha canción na que pedirei máis festas gastronómicas, Sagrada Deputación Provincial, non nos deixes tirados agora, apiádate de nós, prego, crego, prego, eu que era agnóstico durante a semana e ateo as findes agora son devotoionqui, non podo vivir sen as romarías do centolo ou da carne ao espeto do PPSOE. Danos e te votamos, non é tanto, unha festa da navalla a finais de novembro, unha orxía de caramuxos místicos en febreiro, a lamprea cada domingo de mes, a transubstantación do cocido e o caldo embazando tódalas fiestras do inverno.
Teño que confesarte algo, Rafael, o señor Feijóo está convidado ao noso obradoiro, que cedo dexenerará en convencional festa e firme conspiración, e terá a amabilidade brutal de oficiar de mestre da cofraría apátrida do queixo e dirixirnos unhas palabras, un pregón, un pregón, un avión de papel que incendiará o padal da nosa mente e nos fará chorar de gratitude. Ti xa me entendes. Non te convidamos porque sabemos que ficas seco co da Vuelta a España, que xa ten collóns, ter que pagar ti facturas de outros.
Sabes que só te quero a ti, que non me valen outros, palabras simples, si, eu tampouco confundo Madrid cos negocios, escribireite a canción, escribireite a canción e me aplaudirás. Cóidate moito, miña razón de ser.
_
.
6.9.13
Subscrever:
Mensagens (Atom)
Miguel
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 3.0 España de Creative Commons.



