O aprendiz de deseñador



Este é o primeiro traballo realizado integramente en Illustrator, que xa eran horas. Wallpaper para iPhone. O deseño é unha trapallada, mais por algo se empeza. A balea copieina da de twitter (dándolle un pouco de volume na cabeza), e a partir de aí quixen facer algo vintage esquivando a obviedade. O texto ten un corpo demasiado grande, pero é o único xeito de que se lea. Os espacios enriba e embaixo son precisos para os menús do móbil. Como o bicho é moi cursi, pensei nas palabras de Auserón mencionando ao capitán Achab, o de Moby Dick, para contrastalo.

Un le manuais buscando aprender e progresar, como sentíndose na obriga moral de facelo e facelo aplicadamente, e ata que non comenza a deseñar de xeito fluído, sinte que está a perder o tempo, que non lle adica o suficiente, mesmo que non vale. Sen entrar nos resultados. Sempre é así? Vai por días.
_

Díptico con cupón desconto




Fixemos este díptico, ou flyer, se prefiren, co fondo branco. Logo puxémoslle o fondo que aquí se pode apreciar. Logo engadímoslle trazos por aquí e por alá (¡pero nunca ao azar, eh!). Logo quitámoslle. A impresora escarallouse e non podemos sacar probas polas que guiarnos. A helvética nue ultralight, a que queriamos, era demasiado nue ultralight e decidimos renunciar a ela.

Sabemos que o tamaño real é de 420 x 105 mm, respaldado e pregado; ata aí chegamos. Non sabemos se estamos no comenzo ou se o damos por rematado.
_

Logo para a crise



Esto ven sendo para restaurante especializado en peixes á grella; bacallao e outros manxares. Puxémoslle “logo para a crise” e coido que lle puxemos ben: para e non contra a crise. Aforrar non é rebelarse contra unha economía crítica, é aceptala. Nós aceptámola e presentamos un logo en negro, sen cores, sen resplandores, sen cicéis acolchados, sen máis matiz que a trama de negro para a palabra restaurante; barato e doado de “aplicar”. O peixe, carbón, ferro, sal e lume.

Rompemos a Inkburrow e facemos o debuxo, e como tipo secundaria escollemos unha Bodoni, que non ficamos tranquilos se non facemos algo raro (evitando a excentricidade, por suposto). Logo ven cando o cliente solta, bo, eso faino meu fillo.
_

Mandalá



Logo para unha tenda de las caras, que funcionará maiormente a través de internet (despois irá a web e os mailings) e importando e entregando o xénero a través de servicios de transporte urxente. Aínda non o temos claro; o "selecto" e o naïf non casan ben, e a elipse esa fica forzada e obvia.

A tipografía, University Roman, clasicona e cortada por abaixo, pode valer. A textura estaba cantado que gustara, pero todo pode cambiar radicalmente. Na imprenta poden matarte se te presentas con esto.
_