Unha achega para as grandes ideas





























Xa poden descargarse o calendario 2013 do Días de raia. Mais non de balde, non corran tanto. Pensabamos destinar os millóns recadados a unha ONG cando nos enteramos de que Aznar quedara sen tinta para o segundo tomo das súas imprescindibles memorias. Non houbo debate: era prioritario fornecer ao ex-presidente español, porque a FAES ten moitos gastos. Médicos, profesores, menciñas e alimentos para este ou outro terceiro mundo, terán que agardar ao 2014, como ven dicindo Isaac Rosa

Sabemos que sempre haberá algún desaprehensivo que se baixe a imaxe sen pagar un céntimo do que vale (no eBay da fundación onte pagaron 500 euros por un exemplar). Sobre a conciencia desa xente abalanzarase un Armagedón de bigote e abdominais e Vega Sicilia.
_

Ausencia de Dayna Kurtz





























Aproveitando a foto dun tío que se me pilla envíame a catro avogados porque a tiña máis blindada que o congreso, fixen este cartaz sobre unha soñada actuación de Dayna Kurtz. Metinlle gran porque a resolución era deficiente. Como poden comprobar, non é tan difícil, non hai que flipar para algo correcto. A pregunta entón é por que os cartaces dos concertos son en xeral tan malos, e por que cantos máis cartos move o grupo ou artista, empeoran; foto-pose nos Apalaches e dous nomes enormes, patrocinador e máis evento. Dayna Kurtz polo de agora non se deixa abaratar por uns millóns. 

Tampouco hai que chorar, porque os deseñadores concienciados existen, profesionais que sacan adiante traballos orixinais e guapos, claro que ao mellor non tan publicitados, un pouco como lle pasa a esta muller, Dayna Kurtz, por quen eu mataría agora mesmo. Escóitena.
_

A espeluxada tinta das luras





















Tiña un colega que agora adícase á pesca, non á pesca deportiva, á de supervivencia. Logo de perder o traballo e entregar currículos sinceros, engordados e enmagrecidos, decidiu refrescar os coñecementos do avó e botarse ao mar. Como furtivo (non sería eu quen lle dixera que non). Ao ser persoa que non se conforma cunha soa iniciativa, ocorréuselle montar unha academia de pesca na garaxe, con obradoiros especializados en distintas artes. A súa muller di que toleou, que non é nin serio nin realista nin legal pero que se lle vai facer, os nenos, el polo menos loita, gasta orgullo, eu non sei porque xa non é colega, cando lle amosei este cartaz que me encargou chamoume de todo, suponse que tes que poñer algo de reclamo, non algo repelente... morriñento... parace cheo de merda e todo mal colocado. O de Agardando por Godot é unha licenza posterior a.

Pensei nos anuncios de Coca-Cola e os traballos de David Hockney, abofé, antes e despois, con todo, presenteillo tal como me saiu; onde o conformismo e onde a convicción? Perdín un colega e 50 euros, a tinta do tempo. Na escola ensinan que épocas tétricas traen obras “positivas” e ao revés e coido que non me saín da norma, se el non o entende así terá que buscarse a un profesional que lle ofreza o que busca. É o perigo de traballar para colegas.
_

O ano que se enganchou ao de Castelao





























Esto nin sequera é unha homenaxe rápida a Avelino Pousa Antelo. Tampouco é que o deseñador se aburra. É un non-obituario no que se lle pon data ao nacemento do galeguista, 10 de maio de 1931, cando escoitou, no Teatro Principal de Santiago, un mitin no que participaba xente que se gastaba nomes como Vilar Ponte, Valentín Paz Andrade e Castelao. Xerme do Estatuto de Autonomía máis avanzado que coñecemos, sen mitificación, historia que se vai divulgando malia os profesionais do autoodio.

O Lucho do Peto, intelixencia, traballo, compromiso, valores, si, vai sen data de pasamento porque ao galeguismo que el encarnaba, fuxindo con humor da solemnidade, non se lle vai pór sinistra data. Imposible, proben vostedes se queren, se lles sae.
_